Consello Regulador

 

Co fin de controlar, protexer e promover a produción do Queixo Tetilla, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes nomea no DOG n.º 63 do 1 de abril de 1992 o Consello Regulador do Queixo Tetilla, cuxo regulamento foi publicado no DOG n.º 133 do 14 de xullo de 1993 e ratificado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no BOE n.º 308 do 25 de decembro de 1993. No Regulamento CEE n.º 1107 /96, DOCE do 12 de xuño de 1996, foille outorgada a protección europea. O 1 de xullo de 2016 aprobouse a modificación do prego de condicións no Regulamento de execución (UE) 2016/928 da Comisión. O regulamento en vigor foi publicado no DOG n.º 38 do 23 de febreiro de 2017.

O consello creouse co fin de regular e potenciar un produto da nosa terra, cunhas perspectivas de mercado claras, que beneficia a todo o sector en xeral, desde o produtor ao elaborador.
O n.º de produtores (gandeiros) inscritos é de 2013, con máis de 50.100 cabezas produtoras inscritas.

O n.º de elaboradores (queixerías) inscritos é de 36 que teñen xa o visto e prace das súas etiquetas, polo que poden comercializala sempre que cumpran a normativa en canto á calidade do leite, o proceso de fabricación, e que pasen os controis físico-químicos e bacteriolóxicos do laboratorio oficial acreditado para este servizo (LIGAL). É dicir, que pasen os controis de calidade establecidos por este Consello Regulador.

A evolución da produción do Queixo Tetilla contraetiquetada polo Consello Regulador de Denominación de Orixe Protexida desde a súa creación foi espectacular. En 2016 certificou 1.458.725 pezas, que confirman o continuo aumento da produción controlada por este consello. Estímase que nun futuro próximo se cheguen a exceder os 2.000.000 de pezas ao ano.