Como se degusta

CONSERVACIÓN
Cando se compra Queixo Tetilla é importante comprobar que se cumpran uns requisitos que aseguren que o produto reúne as condicións óptimas para o consumo:

  • En primeiro lugar asegurarse que exhibe a contraetiqueta numerada expedida polo Consello Regulador, única garantía da súa autenticidade.
  • Nunca se debe comprar queixo en cantidades maiores que as que se poden consumir nun tempo razoable.
  • É conveniente adquirir o queixo en puntos de venda que conten coas instalacións de conservación adecuadas.
  • O aspecto exterior da peza debe ser san e agradable.

O Queixo Tetilla é un alimento que, aínda que se adquiriu en condicións óptimas de conservación, se pode deteriorar, polo que se debe conservar na casa en condicións suficientemente boas para que as súas características organolépticas varíen o menos posible.

Os mellores lugares para a súa conservación son as bodegas ou subterráneos frescos e ventilados, pero como case ningunha vivenda pode dispoñer destas instalacións, o lugar máis adecuado é o frigorífico. Neste caso, para conservar adecuadamente o Queixo Tetilla é necesario que a temperatura oscile entre 5 e 8 graos centígrados, que é a da parte baixa do frigorífico. Nunca se deben gardar no mesmo envoltorio anacos de queixos diferentes, xa que se mesturarían os aromas, e perden a súa individualidade.

CORTE

O corte débese facer cun coitelo ceboleiro de gume liso e ancho (dos de cortar carne).
O ideal sería quentar o gume con vapor de aire, facer un corte, volver quentar o gume, cortar e así sucesivamente.
Se non temos vapor de aire para quentar o gume, tamén vale unha xerra con auga o máis quente posible, introducimos o gume, secámolo cun pano de algodón, cortamos, volvemos introducir o gume, secámolo, cortamos…
Empezamos cortando o queixo pola metade.
Despois cada metade en cuñas, de algo menos dun dedo de grosor. De cada metade saen 12 cuñas mínimo.
A estas cuñas quitámoslle a cortiza (moi pegados á cortiza) e xa cada cuña en triángulos. De cada cuña saen uns 6 triángulos.
A presentación é en bandexas, e de forma non amontoada.

CONSUMO
A degustación debe ser con queixo a temperatura de 16-18 ºC (que non estea frío en boca), así libéranse todos os olores, aromas e a textura. Para iso resulta imprescindible sacalo do frigorífico un tempo antes da hora prevista para o seu consumo, se se queren apreciar adecuadamente as características organolépticas.

O consumo de queixo no noso país estivo reservado fundamentalmente, a dous momentos concretos, á hora da sobremesa, sexa esta final de comida ou cea, e á merenda. Sempre se tendeu a comelo sen ningunha preparación. Como máximo varían os acompañantes que ademais do pan, poden ser noces, mel, doce de mazá ou marmelo e uvas. Desde o almorzo ata a cea o queixo pode ter o seu protagonismo a calquera hora.

Poucos queixos posúen unha potencialidade culinaria semellante ao Queixo Tetilla. Desde os aperitivos ás sobremesas hai receitas nas que a súa presenza adquire unha especial relevancia. Para os que saben das súas posibilidades, constitúe ese pequeno gran segredo capaz de mellorar a esencia de moitos pratos. Funde moi ben e permite gratinar gran cantidade de preparacións. Dálle sabor a recheos (pementos, cogomelos, canelóns, verduras, tomates…). Co Queixo Tetilla prepáranse aperitivos salgados, pinchos ou compangos, chulas, purés, pasteliños, tortas, acomódase ao sabor dos afumados e das herbas aromáticas. É unha auténtica xoia aínda pouco coñecida.