Control de calidade

 

O leite que se utilice para a elaboración do Queixo Tetilla será leite de vaca procedente das razas rubia galega, frisoa ou pardo alpina ou dos seus cruzamentos.

A alimentación do gando responderá ás prácticas tradicionais.O obxectivo do Consello Regulador será favorecer e impulsar o aproveitamento directo dos pastos, e poderá ditar normas complementarias co fin de que o leite destinado á elaboración do Queixo Tetilla responda ás súas características peculiares.

O Consello Regulador fomentará a adopción de técnicas encamiñadas a mellorar a produtividade dos animais e a calidade do leite.

As instalacións para a explotación do gando vacún dedicado á produción de leite con destino á elaboración do queixo tetilla, cumprirán as condicións establecidas pola lexislación vixente e as establecidas neste regulamento.

O leite que se destine á elaboración do Queixo Tetilla será o produto natural íntegro, procedente da muxidura das vacas sas e que reúna as seguintes condicións:

a) Non conterá costros nin conservantes, nin inhibidores ou produtos medicamentosos que poidan inducir negativamente na elaboración, maduración e conservación do queixo. b) Na súa composición cumprirá os mínimos legalmente establecidos, e en calquera caso será un leite natural íntegro. c) Cumprirá as condicións hixiénico-sanitarias que establece a lexislación vixente. d) Prohíbese todo tipo de estandarización ou manipulación que cambie a composición inicial do leite.

A muxidura realizarase en condicións que garantan a obtención hixiénica do leite.

Unha vez que se muxa, o leite conservarase do xeito máis conveniente para evitar o desenvolvemento de microorganismos e a contaminación medioambiental.

O transporte deberase facer nas mellores condicións hixiénicas, ben en cisternas isotérmicas ou frigoríficas ou ben por calquera outro sistema que garanta que a calidade do leite non se deteriore.

Non se poderá mesturar con outro leite que non proceda de ganderías inscritas nin con leite de vacas que non pertenzan ás razas permitidas.

Ao leite que se utilice para a elaboración do Queixo Tetilla, poderáselle engadir cloruro cálcico.

O Consello Regulador vixiará e controlará as operacións de recollida e transporte do leite, e poderá ditar normas para que estas operacións se efectúen sen menoscabo da calidade e nas mellores condicións hixiénico-sanitarias.