Queixo Tetilla

 

A palabra tetilla define claramente a forma tradicional cónica, cóncava-convexa, aplanada, cunha lixeira mamila no seu vértice.

É o queixo máis característico e típico de Galicia e facilmente recoñecible polo seu formato e a súa cortiza lisa e fina, de cor amarela pallosa.

De pasta branda, cremosa, uniforme, con poucos ollos e de cor branca-marfil, amarelada, ten unha gran cremosidade en boca e un sabor moi natural, lácteo, lixeiramente acídulo e salgado suave; apto para todos os gustos. Un queixo de consumo diario e continuado, a todas horas, con boas aplicacións culinarias, sobre todo para recheos e empanados, debido ao seu carácter fundente cun golpe de calor.

É o queixo de máis tradición popular dos consumidos en Galicia, aínda que tamén é coñecido e apreciado no resto do mercado español.

A estrutura rural de Galicia, con pequenas aldeas e granxas diseminadas por todo o seu territorio, de orografía ondulada e de clima marítimo temperado e húmido, converte o noroeste de España (o Finis Terrae ) nunha pradeira perenne e continuada, con pequenos campos nunha paisaxe agradable.

De gran vocación gandeira, Galicia é a comunidade autónoma española coa maior produción de leite de vaca; en calquera recuncho se pode atopar unha pequena ou gran queixería que elabora o Queixo Tetilla.

Un verdadeiro orgullo para a terra que o creou e que conservou con celo o segredo que esconde este queixo de peculiar forma.